Día Mundial da Prevención do Suicidio

A principal causa non natural de mortalidade en Galicia e en España.

11/09/2017 8:29:40
  • Publicaciones


O  falecemento por suicidio constitúe un grave problema de saúde pública debido ao número de persoas afectadas, sendo a principal causa non natural de mortalidade en Galicia e en España. A cifra de suicidios en Galicia nunca diminuíu dos 300 casos dende o 2012, alcanzando 345 en 2016. Para darnos conta da magnitude do problema, cabe dicir que este ano as mortes por suicidio foron 2,44 veces superiores ás mortes por accidente de tráfico.
Os especialistas coinciden en que a maioría destes falecementos poderíanse prever e que o maior inimigo a bater é o tabú e o estigma social que rodea o suicidio, o cal impide á persoa pedir axuda. Unha parte importante dos suicidios poderíanse, por tanto, evitar, e para iso é preciso visibilizar o problema e instar ás autoridades a que elaboren plans de prevención e actuación, dotados cos recursos materiais e humanos necesarios.
O tratamento do suicidio debería pasar por unha abordaxe transversal para mitigar os seus efectos: prevención, detección, diagnóstico, tratamento e continuidade de coidado dos trastornos mentais. Non debemos esquecer que, segundo a Estratexia en Saúde Mental do Sistema Nacional de Saúde, a taxa de mortalidade por suicidio das persoas que presentan un trastorno esquizofrénico é 9 veces maior que a da poboación xeral, na depresión maior o risco de suicidio multiplícase por 21, nos trastornos de alimentación por 33 e nas toxicomanías por 86. 
Na nosa sociedade existen atrancos cando queremos a falar sobre suicidio. A OMS denuncia que este está perigosamente acompañado de palabras como estigma e tabú, impedindo que as familias, achegados,  persoas que tiveron experiencia de suicidio en primeira persoa e os responsables públicos falen do tema de xeito aberto e efectivo. 
O Día Mundial da Prevención do Suicidio é unha data propicia para facer un chamamento a aumentar a concienciación social e evidenciar a necesidade de mellorar a prevención e o control dos suicidios. Para iso, é necesario  o control ambiental dos factores de risco, a difusión axeitada da información,  a mellora da eficacia das intervencións nas áreas de saúde mental e a eliminación do tabú que existe en torno a este tema.
Tamén é imprescindible orientar  e acompañar a aquelas persoas que poidan atoparse en situacións de risco, persoas que tiveron experiencia de suicidio en primeira persoa e os seus familiares, así como traballar na desestigmatización e a culpabilización da conduta suicida. 
A prevención do suicidio é posible. Require unha estratexia multisectorial e integrada na que ámbitos como o sanitario, o educativo, o social ou os medios de comunicación tracen estratexias coordinadas de redución dos factores de risco asociados con esta realidade.