Xosé Ramón Girón

PRESIDENTE DE FEAFES GALICIA

30/08/2017 8:47:41
  • Publicaciones

Xubilado dende hai unas semanas como médico de familia no centro de saúde Concepción Arenal, en Compostela, Xosé Ramón Girón entrou no movemento asociativo da enfermidade mental nos anos 90. Preside FEAFES, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, con presencia en 30 localidades. Dende ela loita contra a estigmatización destes doentes e a favor da súa inclusión laboral. Con paciencia e sen descanso.

Segue a sociedade estigmatizando ós enfermos mentais? 


Si, é preciso cambiar a mirada que socialmente temos sobre a enfermidade mental porque todos estamos expostos a ela. É a única que non provoca a solidariedade que xera calquera outro tipo de doenza. Iso, sen ter en conta que segundo a OMS, é a que causa un maior sufrimento persoal e familiar, mesmo por diante do cancro. Ata hai relativamente poucos anos, asociábase a cuestións como o demo. Hai séculos de prexuízos sobre ela e vai ser difícil rematar con isto. Hai que dar formación e información. Lembro o que ocorreu coa aparición da sida, onde grazas a esa información que se deu, ás campañas, conseguiuse, se non que desaparecera de todo o estigma que tiñan os enfermos, que a porcentaxe diminuira considerablemente. Nós temos un programa de información polos colexios e institutos, porque cremos que por aí é por onde hai que comezar. Sorpréndenos o ben que responden os rapaces.

Que debemos entender como enfermidade mental?

 
A enfermidade mental ten unha compoñente médica e outra cultural, de xeito que se complica moito a situación. Vén determinada por trastornos de comportamento ou adaptación ó medio, ou polas dúas cousas.

E cales son os sinais de alarma ? 


Non sempre é evidente dende o principio, porque intentamos buscar unha explicación a determinados comportamentos ou cambios de hábitos. Ante calquera situación estrana debemos acudir a un profesional para que faga unha avaliación. É fundamental non ter medo, vencer esa resistencia. Estamos vendo que cando hai problemas realmente serios non acudimos ós servizos de saúde mental, e si o facemos, moito, ante pequenas crises da vida cotiá como divorcios ou estudos.