A Pobra, punto de encontro creativo

A Creba estará presente. Colabora !

/ 16/05/2017 9:31:37
  • Novedades

Mañá, venres, sábado e domingo • Xardíns Valle-Inclán (A Pobra) • De 12.00 a 14.00 e entre as 18.00 e as 21.00 horas • As casetas de madeira que ao longo da pasada Semana Santa permaneceron instaladas nos xardíns Valle-Inclán da Pobra regresarán mañá a este mesmo lugar, aínda que con contidos diferentes. Nesta ocasión, servirán de escaparate para os creadores da comarca e para diversas asociacións. Esta feira prolongarase ata o domingo, aínda que fará unha pequena paréntese o xoves.

Das dezaseis casetas que se instalarán nos xardíns, o contido de catro permanecerá invariable ao longo das catro xornada. Estes espazos servirán para promover a figura de catro escritores: Valle-Inclán, Victoriano García Martí, Anxo Rei Ballesteros e Carlos Casares. No resto dos expositores, os creadores irán rotando, co fin de darlle aos veciños a posibilidade de acceder a un amplo abano das propostas creativas que se están desenvolvendo actualmente en Barbanza.

Mañá, con motivo da apertura, os espectadores poderán coñecer as propostas literarias das editoriais Axóuxere e Toxosoutos, ao tempo que terán acceso aos contidos da revista O cuadrante, que serán achegados pola Asociación Amigos de Valle-Inclán de Vilanova, e aos traballos que os usuarios de Ambar fan no seu obradoiro de encadernación. O resto de expositores serán decorados coas esculturas de Cayetano Sánchez, os esmaltes de Pitusa Rivas, as pezas de artesanía de Elena Tubíño e Ola Boneca, as manualidades de Mariví, os tocados e complementos de Diane Onlooker e os obxectos con fíos e pedras de Makradelik.

A esta relación iránselle engadindo a partir do venres outros nomes coma os das asociacións A Creba e As Revolteiras, os escultores Che Tembra e Roberto Figueiras, os pintores Teresa González e Xoán Fernández, as firmas de artesanía Antoxo de Toxo e A Gata Moscovita, a galería La Doce e a Libraría Ler. Tamén o artesán de Porto do Son Xosé Nebra se achegará ata a vila pobrense para amosarlle ao público o proceso de elaboración dos instrumentos tradicionais.

Programa lúdico

Esta feira da cultura e da artesanía promovida polas concellerías de Cultura e Turismo co gallo do Días das Letras Galegas complétase cun cartel de actividades lúdicas. As programadas para mañá son unha sesión de contos de Carlos Casares a cargo de Pedro Brandariz (13.00 horas), un obradoiro de esmaltes con Pitusa Rivas e un pasarrúas a cargo de Xiada.

Para o venres hai prevista unha caravana de xogos populares, unha xincana con trinta actividades entre as que figura a ra, o sapo, a ferradura e a chave.

Solicita información

Rellena el formulario y en breve nos pondremos en contacto para ofrecerte más información.