Estatutos

Xa temos os novos ESTATUTOS visados pola Xunta de Galicia.

 

CAPITULO I  

DISPOSICIÓNS XERAIS  

Artigo 1. Denominación e réxime xurídico.  

Coa denominación ASOCIACIÓN SAÚDE MENTAL “A CREBA” (tamén denominada "A CREBA") constitúese unha asociación sen ánimo de lucro, aconfesional e apolítica, con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar.  

En todo canto non estea previsto nestes Estatutos, a asociación rexiráse pola Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do Dereito de asociación, e a súa normativa de desenvolvemento.  

 

Artigo 2. Duración.  

Esta asociación constitúese por tempo indefinido.  

 

Artigo 3. Fins e actividades.  

A asociación ten como fin xeral a mellora da calidade de vida de persoas con problemas de saúde mental, as súas familias e achegados, procurando unha mellor relación entre a persoa, o medio familiar, social e a ser posible laboral.  

En concreción dese fin xeral, a asociación procurará os seguintes fins específicos:  

 

a) Promover aquelas intervencións na área da saúde mental non cubertas polas institucións existentes, e todas aquelas que a asociación considere necesarias para mellorar a situación do colectivo.  

b) Facilitar información, educación e concienciación sobre os problemas de saúde mental, sobre os recursos dispoñibles para a súa inclusión social.  

c) Contactar e xerar apoios solidarios entre familiares e achegados de persoas con problemas de saúde mental.  

d) Estimular aquelas iniciativas propias e alleas dirixidas a facilitar a posible integración integral das persoas con problemas de saúde mental.  

e) Atender ás necesidades específicas da muller e das persoas menores de idade con problemas de saúde mental.  

f) Fomentar a igualdade de ambos sexos, posibilitando a incorporación na vida económica, cultural, social e laboral, tanto das persoas con problemas de saúde mental como das súas familias.  

g) Promover activamente a inserción sociolaboral de colectivos en risco ou situación de exclusión.  

h) Facilitar atención sociosanitaria a persoas con problemas de saúde mental persistentes con outras problemáticas adictivas asociadas.  

i) Prestar servizos a persoas dependentes e/ou coidadoras, sexan asistenciais, residenciais, sociolaborais ou formativos.  

j) Desenvolver medidas ou accions dirixidas a favorecer á inclusión social das persoas con problemas de saúde mental.  

k) Promover actividades e recursos innovadores acordes coa evolución do coñecemento sobre os problemas de saúde mental e estratexias de intervención.  

l) Velar polo cumprimento dos acordos autonomicos, estatais e internacionais referidos ás persoas con problemas de saúde mental e discapacidade.  

m) Velar porque sexa reconocida a voz das famílias e achegados e e das persoas con problemas de saúde mental nas políticas asistenciais que lles afecten.  

 

Artigo 4. Domicilio.  

A ASOCIACION SAÚDE MENTAL “A CREBA” ten o seu enderezo e sede asociativa no Polígono Industrial Augalevada, nº 19 – 15210 Noia (A Coruña).  

 

Artigo 5. Ámbito territorial.  

O ámbito territorial no cal vai realizar principalmente as súas actividades a ASOCIACIÓN PRO SAÚDE MENTAL “A CREBA” é a Comunidade Autónoma de Galicia.  

 

CAPITULO II  

ÓRGANOS DE GOBERNO: ASEMBLEA XERAL  

Artigo 6. Natureza e composición.  

A asemblea xeral é o órgano supremo de goberno da asociación e está integrado por todas as asociadas, que terán dereito a voz e a voto nos termos previstos nestes estatutos.  

 

Artigo 7. Reunións.  

As reunións da asemblea xeral celebraranse:  

- como mínimo, unha vez cada ano natural dentro dos seis primeiros meses do ano, e  

- ademais, tamén poderá celebrarse asemblea xeral cando o considere oportuno a xunta directiva ou cando a propoña por escrito unha terceira parte (1/3) das persoas asociadas.  

 

Artigo 8. Convocatorias.  

As convocatorias das asembleas xerais realizaranse por escrito expresando o lugar, día e hora da reunión así como a orde do día con expresión concreta dos asuntos a tratar.  

Entre a convocatoria e o día sinalado para a celebración da asemblea haberán de mediar polo menos:  

- trinta (30) días naturais para o caso de que dentro da orde do día se inclúa a elección de membros da xunta directiva,  

- quince (15) días naturais para o resto dos casos, é dicir, cando dentro da orde do día non se inclúa a elección de membros da xunta directiva  

Cada asociada poderá ser convocada ás asembleas xerais ou ben por correo ordinario, ou ben por correo electrónico, de acordo coa preferencia que lle teña expresado á asociación; e de non ter expresado ningunha preferencia presumirase que prefire e acepta convocatoria por correo electrónico.  

 

Artigo 9. Adopción de acordos.  

As asembleas xerais quedarán validamente constituídas na hora e día fixados calquera que sexa o número de asociadas presentes ou representadas.  

Cada  asociada que asista presencialmente poderá representar como máximo a unha  asociada que non poida asistir, previa autorización escrita e asinada por esta, que deberá ser entregada pola representante ao principio da asemblea xeral, para efectos de deixar fixado o quórum.  

Os acordos tomaranse:  

a) Para a adopción de acordos relativos á disolución da asociación, remuneración dos membros do órgano de representación e os previstos nos puntos 6, 9, 10, 11 e 12 do artigo 10 destes estatutos, será necesaria maioría cualificada das personas presentes ou representadas, que resultará cando os votos afirmativos superen á metade do total de votos emitidos, sendo computables os votos nulos, en branco e as abstencións.  

b) Para a adopción do resto de acordos, abondará a maioría simple, cando os votos afirmativos superen aos negativos, non sendo computables para estes efectos os votos nulos, en branco, nin as abstencións.  

 

Artigo 10. Atribucións.  

Están atribuídas á asemblea xeral as seguintes competencias:  

1. Aprobar a xestión da xunta directiva.  

2. Examinar e aprobar as contas anuais e a memoria de actividades.  

3.Elixir e cesar aos membros da X.D  

4. Fixar as cotas ordinarias ou extraordinarias, sen prexuízo da fixación de cantidade da cota mínima por parte da xunta directiva, por razóns de operativa da asociación.  

5. Tomar coñecemento do programa de actuación e o orzamento económico para cada ano.  

6. Aprobar a disolución ou fusión da asociación.  

7. Aprobar a incorporación da asociación a federacións.  

8. Solicitar a declaración de utilidade pública da asociación ou a renuncia á mesma.  

9. Modificar os Estatutos.  

10. Dispor ou allear os bens ou dereitos cuio  valor contable sexa superior ao vinte por cento (20%) do activo da asociación do último balance aprobado.  

11. Autorizar operacións de endebedamento bancario que no seu conxunto superen o cincuenta por cento (50%) do total dos ingresos conforme ás últimas contas anuais aprobadas.  

12. Autorizar investimentos, elementos duradeiros en máis dun exercicio, cuxa contía total nun mesmo exercicio económico vaia superar os cen  mil euros (100.000,00 €). Para o cálculo do límite anterior tomaranse en canto tanto o total de investimentos que se pretende realizar no exercicio, como aqueles compromisos de obrigado cumprimento que se adquiran para exercicios futuros por un investimento iniciado no exercicio.  

13. Resolver os recursos formulados contra as resolucións da xunta directiva en materia de baixa dunha persoa asociada por incumprimento das súas obrigas.  

 

CAPITULO III  

ÓRGANOS DE REPRESENTACIÓN E XESTIÓN: XUNTA DIRECTIVA  

Artigo 11. Definición, composición, duración dos cargos e gratuidade.  

A asociación será xestionada e representada por unha xunta directiva, que é o órgano executivo máximo da asociación en relación co programa básico de actuacións aprobado pola asemblea xeral, a quen deberá dar conta da súa xestión.  

A xunta directiva estará composta por unha presidencia, unha vicepresidencia, unha secretaría, unha tesoureiría e catro vogalías.  

Os membros da xunta directiva serán elixidos de entre calquera persoa asociada de número:  

a) que teñan un aval dun mínimo de dúas persoas asociadas na data de peche de presentación de candidaturas as eleccións e  

b) que non teña sido condenada en firme á pena de inhabilitación absoluta, inhabilitacións especiais ou suspensión de emprego ou cargo público, durante o tempo de duración da condena, respectivamente.  

Serán elixidos por períodos de catro (4) anos, podendo ser reelixidos de xeito indefinido, agás a presidencia, que non poderá ser exercida pola mesma persoa por unha mesma persoa durante máis de oito (8) anos de forma consecutiva.  

A presentación de candidaturas deberá efectuarase cunha antelación mínima de quince (15) días con respecto á data de celebración da asemblea xeral, para o cal a xunta directiva informará a todas e cada una das persoas asociadas do inicio e finalización do citado prazo, antes de remitir a convocatoria da asemblea xeral.  

A votación para a súa elección efectuarase pola asemblea xeral en votación secreta, posto a posto e cargo a cargo, e elixindo tamén a maiores dous (2) vogais de reserva, que non formarán parte da xunta directiva inicialmente, pero pasarán a formar parte da mesma no suposto de baixa dalgún membro electo durante o período do seu mandato.  

As demais condicións do réxime electoral, que deberán respectar estas bases, detallaranse no regulamento de réxime interno.  

Todos os cargos da xunta directiva serán gratuitos. Ademais, non poderán ser membros da xunta directiva e,  simultaneamente, estaren contratados laboral ou mercantilmente pola asociación. Para o caso de darse esta simultaneidade:  

1. De ser membro da xunta directiva, deberá causar baixa no seu cargo e agardar un período mínimo de tres (3) meses antes de poder ser contratado.  

2. De ser traballadora da asociación, deberá ou ben causar baixa como traballador ou ben estar en situación de excedencia voluntaria durante todo o período de duración do seu cargo, de ser posible esa situación de acordo coa normativa laboral aplicable á persoa.  

Cando se produzan baixas na xunta directiva, estas se cubrirán:  

1. Por medio dos/as vogais de reserva, polo orde no cal tivesen sido elixidos e, incorporados/as os/as vogais de reserva, a xunta directiva adoptará o acordo de confirmar ou reasignar cargos:  

1. De confirmar cargos, o/a/s vogal/ais de reserva permanecerá/n no/s cargo/s ao/s cal/es estivese/n substituíndo ata o remate do cuatrienio de mandato.  

2. De reasignarse cargos, a decisión deberá ser ratificada ou rectificada pola asemblea xeral; e, de ser rectificada, na mesma asemblea xeral deberá/n ser elixido/s o/s cargo/s que tivese/n causado baixa.  

3. De ser un número total de catro (4) ou máis membros da xunta directiva quen teñan causado baixa ao longo dun mesmo mandato, será necesario en todo caso convocar asemblea xeral de maneira inmediata, quedando autorizada a facer a convocatoria directamente e sen acordo da xunta directiva a presidencia ou, de non habela, a vicepresidencia ou, de non haber ningunha das dúas, o membro da xunta directiva de maior idade que non tivese causado baixa. O/s último/s membro/s que teña/n causado baixa permanecerá/n en funcións ata a celebración da asemblea xeral, agás no caso de que a baixa fose por falecemento.  

 

Artigo 12. Reunións, forma de deliberar, adoptar e executar acordos.  

A xunta directiva reuniráse cun mínimo de periodicidade bimestral.  

Ademais, reunirase por convocatoria da presidencia cando esta o estime necesario ou cando o teñan solicitado catro dos seus membros.  

Quedará constituída cando asista presencialmente a metade máis un dos seus miembros.  

Os seus acordos adoptaranse por marioría simple de votos, cando os votos afirmativos superen aos negativos, non sendo computables para estes efectos os votos nulos, en branco, nin as abstencións, e tendo a presidencia voto de calidade para o caso de empate.  

A acta de cada reunión será asinada por todos os membros da xunta directiva que teñan asistido á mesma, sen prexuízo da facultade de certificación atribuída a presidencia e secretaría.  

 

Artigo 13. Atribucións.  

Son atribucións da xunta directiva:  

1. Aprobar dentro do último mes do ano o programa de actuación e o orzamento económico para o ano seguinte, comunicándoo na seguinte asemblea xeral.  

2. Convocar a asemblea xeral, sen prexuízo das facultades da presidencia.  

3. Designar as comisións técnicas necesarias e determinar as súas funcións, a súa forma de funcionamento, así como supervisar o seu traballo.  

4. Esixir o cumprimento das obrigas a todos o membros.  

5. Resolver sobre as solicitudes de altas de asociadas, incluíndo as asociadas de honra, e así como sobre a designación de colaboradoras, patrocinadoras ou protectoras, e voluntarias.  

6. Elevar a proposta de memoria de actividades, para a súa aprobación pola asemblea xeral.  

7. Acordar e solicitar a entidades bancarias anticipos de axudas ou subvencións, tanto de organismos públicos como de institucións privadas, cando estean resoltas, notificadas e pendentes de ingreso.  

8. Dispor ou allear os bens ou dereitos cuxo valor contable sexa inferior ao vinte por cento (20%) do activo da asociación do último balance aprobado.  

9. Autorizar operacións de endebedamento bancario que no seu conxunto non superen o cincuenta por cento (50%) do total dos ingresos conforme ás últimas contas anuais aprobadas.  

10. Autorizar investimentos, elementos duradeiros en máis dun exercicio, cuxa contía total nun mesmo exercicio económico non vaia superar os cen mil euros (100.000,00 €).Para o cálculo do límite anterior tomaranse en canto tanto o total de investimentos que se pretende realizar no exercicio, como aqueles compromisos de obrigado cumprimento que se adquiran para exercicios futuros por un investimento iniciado no exercicio.  

11. Ordear pagamentos nos termos fixados nestes estatutos.  

12. Acordar a baixa de membros da xunta directiva por incumprimiento das obrigas do cargo, sen prexuízo do dereito destas a recurrir diante da asemblea xeral.  

13. Acordar a baixa de persoas asociadas por incumprimento das súas obrigas, sen prexuízo do dereito destas a recurrir diante da asemblea xeral.  

14. En xeral, dirixir as actividades asociativas e levar a xestión económica e administrativa da asociación, acordando realizar os oportunos contratos e actos, outorgar poderes ou calqueroutro documento, e executar os acordos da asemblea xeral.  

15. Fixar a cantidade da cota mínima, por razóns de operativa da asociación.  

16. En materia de persoal, e unha vez escoitada a opinión do equipo técnico, e sen prexuízo de poder recabar outras opinións e/ou informes:  

1. Aprobar novas contratacións, renovar as existentes e finiquitar as que considere pertinentes.  

2. Aprobar as condicións económicas e categorías profesionais.  

3. Aprobar sancións de calquera índole, económicas, laborais, suspensións de empreo e salario, retirada de trienios e/ou mesmo despedimentos, sempre dentro do marco fixado pola normativa laboral vixente, en particular a normativa de infraccións e sancións no eido laboral.  

4. Habilitar a calquera membro da xunta directiva para representar a A CREBA en calquera acto, sinatura ou contrato (sinatura de operacións de activo, de convenios con outras entidades ou calqueroutro).  

5. Recibir e resolver propostas das persoas usuarias por medio do órgano de representación destas.  

6. Aprobar os regulamentos de réxime interno precisos para o bo funcionamento da asociación, en particular en materia de organización dos proxectos e servizos, réxime sancionador e réxime electoral.  

7. Tomar calquera outro tipo de decisións operativas de acordo coas finalidades da asociación e das actuacións aprobadas pola asemblea xeral, e resolver calquera cuestión non atribuida expresamente á asemblea xeral.  

 

Artigo 14. Presidencia e vicepresidencia.  

Corresponde á presidencia a representación da asociación, en particular:  

1. Presidir as reunións da xunta directiva e da asemblea xeral, así como dirixir e moderar os seus debates.  

2. Representar legalmente á asociación diante de toda clase de personas físicas e xurídicas, públicas ou privadas.  

3. Cumprir e facer cumplir os acordos da xunta directiva.  

4. Autorizar coa súa sinatura as actas e certificados redactados pola secretaría, así como o resto de documentación ordinaria da asociación.  

5. Adoptar calquera medida urxente que a boa marcha da asociación esixa, dando conta de maneira inmediata na seguinte xunta directiva.  

A vicepresidencia terá as mesmas funcións anteriores cando a presidencia non poida cumprir coas funcións do cargo por razón de vacante, ausencia, doenza ou outro tipo de imposibilidade, sempre que teñan carácter temporal, ou cando sexa expresamente delegada por parte da presidencia ou da xunta directiva.  

 

Artigo 15. Secretaría.  

Corresponde á secretaría a dirección dos traballos puramente administrativos da asociación, en particular:   

1. Responsabilizarse dos seguintes libros da Asociación: Libro de Actas das reunións da xunta directiva e das asambleas xerais; Libros de Rexistro dos membros da asociación; e os demais documentos da asociación non atribuídos a outro órgano.  

2. Levar a correspondencia da asociación.  

3. Redactar e asinar as actas da xunta directiva e das asembleas así como expedir certificacións co visto e prace da presidencia.  

4. Aprobar a proposta de memoria de actividades, así como as convocatorias e informes decididos pola xunta directiva.  

 

Artigo 16. Tesoureiría.  

Corresponde á tesoureiría a dirección dos traballos de xestión económica da asociación, en particular:  

1. Custodiar os fondos da asociación.  

2. Controlar a tesoureiría da asociación, autorizar os pagamentos acordados pola xunta directiva, e controlar os cobros.  

3. Elaborar a proposta de balance de contas anuais.  

 

Artigo 17. Vogalías.  

As vogalías terán as atribucións, dereitos e obrigos propios do seu carácter de membros da xunta directiva, e ademais as que resultan das delegacións específicas ou comisións de traballo que a propia xunta directiva lles encomende, ou, se fose o caso, se deriven do regulamento de réxime interno da asociación.  

 

Artigo 18. Régimen de baixas.  

Todo membro da xunta directiva poderá causar baixa, cesando nas súas funcións, por:  

1. Falecemento da persoa física ou modificación da súa capacidade por sentencia.  

2. Renuncia voluntaria comunicada por escrito a la xunta directiva, e que terá efectos dende a seguinte xuntanza da xunta directiva.  

3. Acordo da propia xunta directiva por incumprimiento das obrigas do cargo, previo expediente contradictorio garantido os dereitos de audiencia e defensa e por acordo adoptado pore maioría cualificada da metade máis un dos membros da xunta directiva.  

 

A vacante que por este motivo se produza será cuberta provisoriamente polos vogais de reserva nos termos previstos no artigo 11 dos estatutos.  

Tamén poderá causar baixa por expiración do mandato, e neste caso continuará no seu cargo de maneira prorrogada e en plenitude de funcións ata o momento en que se produza a aceptación da persoa que a substitúa no cargo.  

 

Artigo 19. Réxime de substitucións.  

Cando non sexa posible cumprir coas funcións do cargo por razón de vacante, ausencia, doenza ou outro tipo de imposibilidade, sempre que teñan carácter temporal:  

1. A vicepresidencia non terá substitución.  

2. A secretaría será substituída pola vicepresidencia, excepto para o suposto no cal a vicepresidencia estea substituíndo tamén á presidencia, suposto no cal a secretaría será substituída pola persoa de menor idade da xunta directiva.  

3. A tesoureiría será substituída pola vicepresidencia, excepto para o suposto no cal a vicepresidencia estea substituíndo tamén á presidencia, suposto no cal a tesoureiría será substituida pola persoa de maior idade da xunta directiva.  

4. As vogalías non se substituirán.  

5. As substitucións serán obrigatorias e, para o caso de non ser exercidas pola persoa substituta, incurrirá en incumprimento das obrigas do cargo e deberá procederse a acordar a súa baixa como membro da xunta directiva.  

6. En todos os casos, deberá garantirse que as substitucións permiten manter o réxime de disposición de activos precisos para a xestión da asociación.  

 

CAPITULO IV  

ASOCIADAS  

Artigo 20. Requisitos e alta.  

Poderán formar parte desta asociación todas as persoas físicas maiore de idade con capacidade xurídica e de obrar.  

A solicitude será formulada por escrito e resolta pola xunta directiva, sen ulterior recurso contra tal acordo, sen prexuízo do previsto no artigo 40 da Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do Dereito de asociación.  

 

Artigo 21. Clases.  

O número de asociadas será ilimitada e clasificaranse en asociadas de número e asociadas de honra, e unha mesma asociada poderá ter ambas categorías simultaneamente.  

1.Serán asociadas de número as persoas físicas que cumpran os requisitos indicados no artigo anterior.  

2. Serán asociadas de honra as persoas físicas ou xurídicas nas cales se dean méritos de abondo polo seu prestixio, por ter contribuído de modo relevante á dignificación da enfermidade mental ou ao desenvolvemento da asociación ou prestado apoios extraordinarios, e así o acorde a xunta directiva.  

Sen ter a condición de asociadas, poden existir persoas físicas ou xurídicas que cooperen coa entidade como:  

1. Colaboradoras: aquelas que de xeito desinteresado e voluntario participen nas actividades da entidade de forma puntual ou esporádica.  

2. Patrocinadoras ou protectoras: aquelas que de forma desinteresada e voluntaria realicen achegas económicas á entidade, de forma esporádica ou continuada.  

3. Voluntarias: aquelas que cumpran cos requisitos previstos pola normativa vixente en materia de voluntariado.  

A designación dunha persoa como colaboradora, patrocinadora ou protectora precisará o acordo da xunta directiva.  

A incorporación dunha persoa como voluntaria efectuarase conforme á normativa de voluntariado e só será precisa notificación á xunta directiva. 9  

 

Artigo 22. Baixa.  

Perderase a calidade de asociada:  

1. Por renuncia voluntaria, comunicada por escrito a la xunta directiva, que terá efectos dende a data da recepción da comunicación por parte da asociación e non eximirá á persoa que renuncia do cumprimento das obrigas económicas ou doutro tipo que tivese pendentes no momento da súa baixa.  

2. Por incumprimento das obrigas económicas, se deixase de satisfacer as cotas ordinarias ou extraordinarias fixadas polos órganos competentes da asociación, previo requirimento de pagamento por parte da xunta directiva, e sen prexuízo de poder solicitar posteriormente unha nova alta, que estará condicionada a ter satisfeita á asociación a totalidade da débeda.  

3. Por acordo da xunta directiva por incumprimento das obrigas como asociada.  

Neste último caso a perda da condición de asociada requirirá previo expediente contradictorio garantido os dereitos de audiencia e defensa, e a resolución, que será inmediatamente executiva, poderá ser recurrida, a criterio da persoa interesada, ou ben ante a asemblea xeral na seguinte reunión desta, ou ben directamente diante do órgano xudicial competente.  

 

Artigo 23. Dereitos.  

Todas as persoas asociadas terán todos os dereitos previstos na normativa vixente e, ademais:  

1. As asociadas de número terán dereito a:  

1. Participar nas actividades tanto públicas coma internas da asociación, nos termos fixados por esta.  

2. Exercer o dereito de voz e voto na asemblea da asociación.  

3. Elixir e ser elixida para os órganos de goberno, representación e xestión da Asociación.  

4. Ser informadas das actividades da asociación e dos acordos tomados polos seus órganos.  

5. Dirixirse a xunta directiva e á asemblea xeral cando o considere oportuno, sen prexuízo do dereito e deber de moderación por parte da presidencia.  

6. Impugnar os acordos conforme á lexislación vixente.  

O exercicio dos dereitos das persoas asociadas e número esixirá estar ao día nas cotas, ordinarias e extraordinarias, acordadas pola asociación por medio dos seus órganos competentes e conforme á lei e a estes estatutos.  

 

2. As asociadas de honra terán dereito a:  

1. Participar nas actividades tanto públicas coma internas da asociación, nos termos fixados por esta.  

2. Exercer o dereito de voz, sen voto, na asemblea da asociación.  

3. Ser informadas das actividades da asociación e dos acordos tomados polos seus órganos.  

4. Exercer os cargos para os cales fose elixida de acordo coa lexislación, os estatutos e, se fose o caso, a normativa de réxime interno da entidade.  

 

Artigo 24. Obrigas. 

Todas as persoas asociadas de todas as clases terán todas as obrigas previstas na normativa vixente e derivadas dos estatutos e dos acordos adoptados polos órganos de goberno, representación e xestión e, ademais:  

1. Cumprir coas obrigas derivadas dos cargos e funcións para os cales fose elixida.  

2. Pagar as cotas ordinarias e extraordinarias fixadas pola asociación.  

3. Manter os seus datos persoais permanentemente actualizados, en particular enderezo postal e electrónico.  

4. Además, los miembros de la Junta Directiva deberán guardar el secreto de las deliberaciones de las reuniones de la misma, y acatar y cumplir los acuerdos de la Junta Directiva y de la Asamblea General.  

 

CAPÍTULO V  

REXIME ECONÓMICO  

Artigo 25. Recursos económicos.  

Os recursos económicos previstos para o cumprimento dos fins e a execución das actividades da asociación, incluíndo os seus investimentos, detallaranse nun orzamento anual incorporado ao programa básico de actuación proposto pola xunta directiva para a súa aprobación pola asemblea xeral, e derivados de:  

a) As cotas ordinarias e extraordinarias.  

b) As subvencións, axudas e doazóns de persoas físicas ou xurídicas públicas ou privadas, cuxa aceptación corresponderá á xunta directiva e só poderá facerse sempre e cando non comporte gravame ou cargo para a asociación.  

c) Os ingresos obtidos por medio das actividades e prestación de servizos.  

d) Calqueroutro recurso admisible en dereito.  

 

Artigo 26. Patrimonio.  

A asociación carece de patrimonio no momento da constitución, e o seu patrimonio actual é o determinado en cada momento polos seus estados contables.  

 

Artigo 27. Peche do exercicio económico.  

O exercicio económico cadrará co ano natural, pechándose a 31 de decembro.  

 

Artigo 28. Normas específicas para xestión económica.  

A asociación tería tantas contas bancarias como estime conveniente.  

En cada conta deberán figurar como autorizadas a presidencia, a vicepresidencia,a secretaría e a tesoureiría.  

A disposición de fondos esixirá sempre:  

1. A actuación e sinatura mancomunada de dúas das catro persoas autorizadas.  

2. Ademais, en todo caso, que unha das persoas asinantes sexa a presidencia ou a tesoureiría. 11  

Para facilitar o mellor control e xestión da tesoureiría, o traspaso de fondos entre as contas das cales sexa titular a asociación poderá ser efectuado de maneira indistinta e solidaria por presidencia, vicepresidencia, secretaría ou tesourería. 

A disposición das liñas de crédito, préstamo e anticipo aberta nas entidades bancarias pola asociación poderá ser disposta pola presidencia, a vicepresidencia, a secretaría ou a tesoureiría de maneira indistinta e solidaria, ata os límites autorizados pola xunta directiva, que deberán ser comunicados previamente ás entidades bancarias.  

Os traspasos de fondos deberán facerse ás contas operativas correspondentes, sexan estes fondos da natureza que sexan (créditos personais, préstamos con e sen garantía, anticipos de subvencións, convenios ou calquera dereito de cobro a favor da asocaición), asinando os documentos públicos ou privados precisos, e facultando igualmente para o endoso e/ou cesión dese dereito de cobro.  

 

Artigo 29. Obrigas documentais e contables.  

A asociación:  

1. Disporá dunha relación actualizada das súas asociadas.  

2. Levará unha contabilidade que permita obter a imaxen fiel do patrimonio, do resultado e da situación financeira, así como das actividades realizadas, e efectuar un inventario dos seus bens, sempre de conformidade co previsto no Real Decreto 1491/2011, de 24 de outubro, polo que se aproban as normas de adaptación do Plan Xeral de Contabilidade ás entidades sen fins lucrativos e o modelo de plan de actuación das entidades sen fins lucrativos, ou calqueroutra norma que o complemente, desenvolva ou substitúa.  

3. Recollerá nun libro as actas das reunións dos seus órganos de goberno, representación e xestión.  

4. Facilitará ás asociadas o acceso a toda a documentación relacionada neste artigo, a través dos órganos de representación e xestión, nas condicións previstas na Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.  

 

CAPITULO VI  

DISOLUCIÓN E LIQUIDACIÓN  

Artigo 30. Disolución.  

A asociación disolverase  

1. Por acordo da maioría cualificada prevista no artigo 9.a destes estatutos.  

2. Por imposibilidade de cumprimento dos fins.  

3. Polas causas establecidas no artigo 39 do código civil.  

4. Por resolución xudicial firme.  

 

Artigo 31. Liquidación e destino do remanente.  

Acordada a disolución, a mesma asemblea xeral simultaneamente nomeará unha comisión liquidadora e designará unha ou varias entidades beneficiarias do remanente, se o houbese.  

Practicadas pola comisión liquidadora as operaciónes de liquidación, o patrimonio resultante, se o houbese, será transmitido a título gratuito a unha entidade beneficiaria do mecenado aos efectos previstos nos artigos 16 a 25, ambos os dous inclusive, da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado. 12  

 

DISPOSICIÓN DERROGATORIA ÚNICA. Derrogación estatutaria.  

Quedan derrogados os estatutos vixentes, redactados incluíndo as modificacións acordadas na asemblea xeral extraordinaria realizada o 28 de maio de 2014.  

 

 

DISPOSICIÓNS FINAIS.  

PRIMEIRA. Idioma e texto auténtico. Os estatutos redactaranse en galego e en castelán, considerarase texto auténtico o redactado en galego para o caso de haber calquera discrepancia entre ambos.  

SEGUNDA. Xunta Directiva. Excepcionalmente:  

  • todos os cargos da xunta directiva vixente no momento de entrar en vigor estes estatutos continuarán o seu mandato ata o 30 de xuño de 2022, sen prexuízo de resultarlles aplicables as causas de baixa previstas no artigo 18 destes estatutos, e  
  • os dous (2) vogais de reserva previstos no artigo 11 dos estatutos serán elixidos por primeira vez na asemblea xeral que se celebre no primeiro semestre de 2018  

TERCEIRA. Entrada en vigor. Os estatutos entrarán en vigor o día 1 de xaneiro de 2018.  

Noia, (A Coruña) 14 de Decembro de 2017 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Xosé Ramón Girón García 

Presidente