Conta atrás para a singladura número 69

Real e Ilustre Cofradía da Dorna

05/07/2017 8:44:00
  • Novedades

A falla de pouco máis de dúas semanas para que a gran marea dorneira asolague de novo a cidade de Ribeira, xa se pode dicir que a conta atrás para o comezo da singradura número 69 está en marcha. Onte inaugurábase na tenda ReiZentolo da praza de España a exposición Festa da Dorna Ajuards ou, o que ven sendo o mesmo, a colección de trofeos que a Real e Ilustre entregará aos gañadores das diferentes probas que integran o calendario de competicións máis singular e entretido da comarca.

Son, en total, 27 pezas que foron deseñadas para a ocasión polos artistas Uxía Muñiz, Verónica Leis e Eva Callón, así como por usuarios das asociacións A Creba e Ambar. A maiores, a mostra inclúe case duascentas medallas, que son obra da firma local Paxarelas.

Todas estas exclusivas pezas, entre as que se inclúe a prestixiosa Copa da Rei, irán a parar ás vitrinas daquelas peñas que logran a vitoria na canción de tasca, o voo sen motor, a regata de embarcacións, a decoración de fanequeiras, as carrilanas, o festival de hip-hop e o maratasón. Tamén haberá galardóns para o establecemento hostaleiro que gañe a ruta de tapas e para o local comercial que luza o mellor escaparate dorneiro.

Flores de prata

E, como novidade, a exposición incorpora unha colección de deseños da flor da Dorna en prata, que son obra de Álex Nespereira. Trátase, de feito, dun dos primeiros traballos que fai este mozo ribeirense, que estudou xoiería na escola Mestre Mateo de Compostela.

A inauguración da mostra correu a cargo da vicepresidenta da Real e Ilustre, Lydia Fernández. O máximo dirixente da asociación, Narciso Fernández, atópase este fin de semana en Combarro, participando no encontro de embarcacións tradicionais. Ata alí viaxaron tamén as tres dornas que ten a confraría.